Friday 03 de May de 2024

Fene acende hoxe o Nadal


O Concello redistribuiu as guirnaldas para cubrir máis territorio

Promoción económica e Turismo tamén instalou photocalls nas parroquias con motivos destas datas e organiza unha festa de Aninovo con entrada libre na Praza do Alcalde Ramón José Souto González

A Concellaría de Promoción económica e Turismo prenderá hoxe luns de comezo da ponte da Constitución e da Inmaculada todas as luces do Nadal instaladas nas últimas semanas por practicamente todo o territorio municipal. Á decoración luminosa destínanse nesta ocasión algo máis de 23.000 euros, co obxectivo de darlle a Fene un ambiente festivo durante as datas máis entrañables do calendario. O orzamento sobe un chisco con respecto a outros anos, ampliando tanto luces como outros elementos para que as entradas ao concello e sobre todo o rural cobren máis protagonismo. Neste sentido, ao longo da xornada quedarán colocados no seu sitio os photocalls con motivo do natalicio deseñados por Ito Mosquera, nos que propios e alleos poderán retratarse e compartir despois as fotos nas redes sociais municipais, enviándoas a comunicacion@fene.gal.

En total son oito deseños nos que aparecen o Apalpador, Papá Noel, Elfos, o boneco de neve, unha casiña nunha paisaxe nevada, unha árbore do Nadal chea de agasallos e incluso unha figuriña de galleta de xenxibre. En todos os casos teñen buratos practicables para poñer a nosa cara canda á dos personaxes principais “que combinan a iconografía máis comercial coa de elementos propios de Galicia, como o Apalpador, de modo que hai photocalls para todos os gustos”, indica Coira.

O Concello agarda rematar hoxe a instalación dos paneis de grande formato, que irán colocados diante da Liga de Amigos de Barallobre, no parque de Limodre, ás portas do local da AVV de Magalofes, no Pote de Maniños, ao carón da pista do CCRD Perlío, na entrada do CPS de San Valentín, na escola de Sillobre e tamén no acceso principal á Casa do Concello.

Os photocalls son unha das grandes novidades das festas do Nadal e Reis e pretenden favorecer que a veciñanza “se achegue ás parroquias e aos lugares onde se encontran os paneis de Nadal que fixo Ito Mosquera e que nos mande fotos para que o espírito festivo tamén se contaxie ás redes sociais”, explica a titular de Promoción económica e Turismo, Ángeles Coira. As imaxes poden enviarse por correo a comunicacion@fene.gal -indicando o nome ou pseudónimo- para ir compoñendo con elas galerías no Facebook e no Instagram municipais.

Iluminación e unha festa de Fin de Ano na praza do Concello
O acendido oficial das luces do Nadal producirase este luns 5 de decembro ás 18:00h. Nas últimas semanas o departamento de Promoción económica e Turismo instalou arcadas, guirnaldas e outros adobíos luminosos tanto no centro urbano como nas parroquias. Segundo explica a titular da área “este ano procuramos equilibrar a distribución das luces, dentro do orzamento dispoñible (23.300 euros), para darlle maior presenza ás entradas principais en Fene e ao principais puntos do rural, principalmente onde se instalarán os photocalls”.

A concelleira recorda que a iluminación “é o complemento perfecto” da programación de Nadal e Reis preparada pola Concellaría de Cultura e tamén das actividades “que están ultimando os establecementos adheridos á Asociación do comercio, a hostalaría e os servizos O Cruceiro”.

Porén, outra das grandes novidades que ten preparadas a área de Promoción económica e Turismo é a grande festa de Fin de Ano con entrada libre que arrancará na Praza do Alcalde Ramón José Souto González unha hora despois de comermos as uvas.

Desta maneira, Fene estreará 2023 cun evento que se desenvolverá entre as 01:00h e as 06:00h na compaña da Orquestra Miramar e de DJ Fran Fairlane. Instalarase unha carpa pechada que estará calefactada e contará, entre outros servizos, con gardarroupa e barra, ademais dunha decoración axeitada para darlle a benvida ao novo ano. A noite rematará cun chocolate con churros gratuíto.